Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Boqueixón abre ata o 22 de xuño o prazo de solicitude de cacharelas para a noite de San Xoán


Os modelos de solicitude pódense descargar na web municipal e deberán entregarse no Rexistro Xeral

O Concello de Boqueixón abre o prazo de solicitude para as cacharelas da noite de San Xoán. A entrega da documentación correspondente deberase realizar antes das 12:00 horas do 22 de xuño no Rexistro Xeral boqueixanés. O modelo de solicitude pódese descargar na web www.boqueixon.com.

Dende o Concello de Boqueixón fan fincapé na necesidade de que as solicitudes localicen e identifiquen o mellor posible a parcela na que se vai facer a cacharela, achegando se é posible a referencia catastral da finca na que se vai emprazar. Así mesmo, recoméndase pedir cita previa para a presentación da documentación no Rexistro Xeral.

A maiores, dende o Concello concretan unha serie de normas de obrigatorio cumprimento na realización das cacharelas de San Xoán:

1. As persoas, organizacións ou comunidades que desexen realizar unha cacharela, presentarán a solicitude correspondente no rexistro deste concello antes das 12:00 horas do día 22 de xuño, sinalando o lugar elixido, así como o nome, enderezo e teléfono dos responsables da organización ou comunidade, que deberán coidar os arredores.
2. O volume de combustible da cacharela non sobrepasará os 6 (6) metros de perímetro nin os dous (2) de altura.
3. A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será, como mínimo, de vinte (20) metros. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como, de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.
4. Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, etc., e en xeral, calquera substancia que ó arder desprenda fume tóxico.
5. En ningún caso se botará ó lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda cando estean baleiros.
6. No suposto de que a cacharela se realice sobre terreos de uso público enlousado, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm.
7. Ó rematar a cacharela e antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e a pavimentación quede no mesmo estado no que se atopaba antes de iniciarse o lume.
8. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ó remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematada a cacharela e/ou sardiñada.